12 de xul. de 2006

Extra, extra!!!

Para que vexades que ata en vacacións seguimos "ó pé do telón", diremos que, logo de rexeitar propostas de directores de Jolibú que querían dirixirnos a vindeira tempada, xa temos decidido quen será o novo colega e encargado de darnos as pautas para poñer a andar o próximo éxito papaventiano. A ver, por favor... Ese redoble de tambor...
Chámase Xoan Curiel. É actor, hoxe en día está nos Quinquilláns,aínda que tamén dá cursos de teatro pola súa conta. Estudou en Barcelona moitas cousas vencelladas á arte teatral, dende expresión corporal a canto e voz. De feito, el tamén é cantautor. Guitarra en man, xa deu algún concertiño por Santiago, por exemplo, no Teatro Principal. E, segundo nos contou, está a piques de quitar un disco. Seguramente fixo moitas máis cousas das que agora mesmo non me lembro, porque non teño o seu curriculum aquí e, por mor das prácticas, cheguei tarde á primeira reunión que tivemos con el (ai, que desastriño de secretaria...).
As nosas primeiras impresións foron positivas. En realidade, as primeiras impresións consistiron no comentario "Sergio Dalma, é o novo profesor????" Porque se parecen moitísimo, aínda que hai quen opina que se asemella máis a Albert Pla. Ao que iamos: a forma de traballo de Curiel parece encaixar co que buscabamos. Polo de agora, non imos desvelar as ideas que se nos ocorreron para levar aos escenarios, pero aseguramos que, se as cousas saen ben, o éxito pode ser criminal.

Seguiremos informando... que por hoxe, xa está ben de exclusivas, ¿non?
Un saúdo a todos!