4 de nov. de 2016

Concurso de carteis para a anunciar TEATROFILIA 2017



Vimos de darlle a benvida ao outono pero en Vedra xa estamos pensando na primavera. Comezamos a descontar os días que quedan para TEATROFILIA 2017 e facémolo cunha convocatoria que marca o inicio desta conta atrás: a do XII Concurso de Carteis para seleccionar a imaxe da XIV Mostra de Teatro Amador de VedraTeatrofilia, que se celebrará entre os meses de marzo e abril de 2017.

O concurso está aberto a artistas, deseñadores e creadores do mundo enteiro, o que quere dicir que calquera persoa que o desexe pode participar presentando a súa proposta antes do vindeiro 10 de xaneiro. 

Podedes consultar as bases do concurso a continuación:

1 - PARTICIPANTES

• Poderán presentarse ao concurso todas aquelas persoas que o desexen, agás os membros da Asociación Cultural Papaventos e familiares directos.
• Cada participante poderá presentar un máximo de dúas obras.

2 - TEMA e CARACTERÍSTICAS TÉCNICAS

• Os carteis teñen que versar preferentemente sobre algo relacionado co teatro. Non obstante, os participantes gozan de completa liberdade para escoller o tema.
• Os/as creadores/as dos carteis que se presenten ao concurso serán responsables da orixe da obra e, se esta estivera inspirada nun traballo alleo, deberán dispoñer da autorización do seu autor/a.
• O tamaño dos carteis debe ser formato A3 (297x420mm).
• Poderán realizarse con calquera técnica (pictórica, fotográfica, informática, etc.).
• No cartel figurará rotulado:


Teatrofilia
XIV Mostra de Teatro Amador de Vedra


• É obrigatorio empregar a tipografía “Alba” para a palabra Teatrofilia. Esta pódese descargar no seguinte enderezo web: http://www.fontreactor.com/
• Deberase ter en conta que nalgún lugar do cartel irá a programación da mostra así coma os logotipos das entidades que fan posible Teatrofilia.
• O xurado deste concurso valorará a orixinalidade dos carteis, así como a súa eficacia comunicativa e o impacto e a calidade do deseño.

3 - PRESENTACIÓN

• A data límite para a presentación de carteis é o 10 de xaneiro de 2017.
• En ningún caso o cartel deberá ir identificado co nome do autor/a nin con pseudónimo.
• Os participantes deberán presentar unha copia do seu traballo en tamaño folio. Dita copia e a identificación (nome e apelidos, número de teléfono e correo electrónico, data de nacemento no caso de ser participante do accésit infantil) do autor/a ten que presentarse nun sobre pechado. Sería desexable, aínda que non imprescindible, unha copia do traballo en soporte informático.
• Os sobres pechados xunto cos carteis poderanse presentar ata o 10 de xaneiro (inclusive) na Casa do Concello de Vedra ou a través de correo postal ao seguinte enderezo: 


Asociación Cultural Papaventos
Rúa da Boca, nº 9 CP 15885 Vedra (A Coruña).

4 - PREMIOS

• O autor/a do cartel gañador será premiado con 250 euros.
• Cada participante deste concurso será obsequiado cun bono para a vindeira edición de Teatrofilia que poderán recoller na súa billeteira.
• Do mesmo xeito, concederase un premio accésit ao mellor cartel infantil (3-12 anos).

5 - XURADO

• O xurado estará formado polos membros da Asociación Cultural Papaventos.
• A Asociación Cultural Papaventos resérvase o dereito de declarar deserto o premio no caso de que ningún cartel acade os requisitos demandados.
• O veredicto do xurado darase a coñecer nos 15 días seguintes á finalización do prazo de entrega a través da páxina web do Concello de Vedra, no boletín informativo do Concello, redes sociais (Facebook) e neste blog.
• O veredicto do xurado será inapelable.

6 - TRABALLOS PREMIADOS

• O cartel que resulte elixido para anunciar a XIV edición de Teatrofilia cederá todos os dereitos sobre o seu uso, adaptación e explotación á Asociación Cultural Papaventos, que o empregará en formato dixital e impreso para difundir dita edición de Teatrofilia.
• Tanto o premio do cartel gañador como o accésit infantil serán entregados aos seus autores/as o día da inauguración de Teatrofilia.

7 - TRABALLOS NON PREMIADOS

• Todos os traballos serán expostos durante a mostra. Aqueles autores/as que desexen recoller a obra dispoñen dun prazo de 15 días depois do remate da XIV edición de Teatrofilia.

8 - PUBLICIDADE

• Os sucesivos anuncios e novas sobre este concurso de carteis serán publicados neste blog e na páxina web do Concello de Vedra.

9 - NORMA FINAL

• Os concursantes, pola súa mera presentación, aceptan integramente as bases deste concurso.

10 de feb. de 2016

Programación de Teatrofilia 2016

Teatrofilia chega á súa décimo terceira edición e como os Papaventos non cremos nas supersticións, estivemos traballando un ano máis con moita ilusión para ofrecervos unha programación que agardamos vos entusiasme tanto como a nós. Xa podedes consultar as datas e horarios de todas as funcións e actividades que se desenvolverán durante os tres primeiros fins de semana do mes de marzo en Vedra. Vémonos moi pronto!



VENRES 4 DE MARZO
21.15 h Memorias dun neno labrego (TP)
Cándido Pazó (San Xián de Sales, Vedra)

SÁBADO 5 DE MARZO
19.15 h A boticaria (TP)
Tira e afloxa (San Pedro de Vilanova, Vedra) 

21.15 h Maniféstate! (TP)
Andaravía Teatro (Vedra) 

DOMINGO 6 DE MARZO
19.15 h O velorio de Antón Carballo (+14)
Escola Municipal de Teatro de Muxía 



VENRES 11 DE MARZO
21.15 h Chou mas go on! (+14)
Axóuxere Teatro (Oleiros) 

SÁBADO 12 DE MARZO
17.00 h 
Ligues e outros líos (TP)
Aula de Teatro do CPI de Vedra

Cita case a cegas (TP)
Grupo de Teatro da A.C. Cotomanguelo (Orazo)

18.30 h Obradoiro: Monicreques para xogar xuntos/as

21.15 h Teimas (+16)
Disfunción Continua Teatro (A Estrada)

DOMINGO 13 DE MARZO
17.00 h Tarde infantil:
O mar é azul
Escola de San Miguel de Sarandón (Vedra)

Baile
Tira e afloxa cativos (San Pedro de Vilanova, Vedra)

O conto da rá
Grupo de Teatro da A. C. Cotomanguelo (Orazo)

19.15 h Brincacontos (Infantil)
Andaravía Teatro (Vedra)



VENRES 18 DE MARZO
21.15 h Frío (+8)
Farrapo Teatro (Santiago de Compostela) 

SÁBADO 19 DE MARZO
21.15 h 
Mullerebillosas (TP) 
Martabelas (Teo) 

Sacho’s Show (TP)
Andaravía Teatro (Vedra) 

DOMINGO 20 DE MARZO
19.15 h Inmortal (+14)
Marañao Teatro (Ourense)


12 de xan. de 2016

Gañadora do Concurso de Carteis Teatrofilia 2016


Ola a todos e todas! 

Hoxe traemos boas novas. Xa temos cartaz para a próxima edición de Teatrofilia! Onte á tarde os membros da Asociación Cultural Papaventos reunímonos para valorar todas as propostas que recibimos ao abeiro do concurso que, como cada ano, lanzamos para atopar a que será a imaxe da Mostra de Teatro Amador de Vedra. Despois de moito deliberar e da votación correspondente resultou elixido gañador este deseño presentado por Teresa Saco Burgos, de Alcalá de Henares (Madrid). Agora toca enchelo con toda a programación que estamos preparando para o noso público. Moi pronto publicaremos toda a información pero xa vos adiantamos que van ser tres intensos fins de semana de puro teatro!



Como sabedes, tamén premiamos cun accésit ao mellor cartaz infatil, que nesta ocasión recaeu na obra de Claudia Dorelle Alvela, de 6 anos e natural de San Miguel de Sarandón:



Moitas grazas a todos por participar e parabéns ás gañadoras!