28 nov. 2006

Andaravía no Principal


Pois si, xa temos data para o Principal. O día 7 de decembro ás 21h. estaremos o grupo de teatro Andaravía no Teatro Principal. Non caben excusas tipo "un xoves, que mal, ao día seguinte traballo", que é festivo. As entradas custarán 3 euros na billeteira, a metade se as encargades por adiantado, ben nos comentarios deste post ou se queres manter o anonimato blogueiro manda un correo a ac_papaventos@yahoo.es, porque se reservarían ao teu nome. De todos os xeitos, supoño que non se esgotarán as entradas (non movemos tanta xente como Tosar con Hamlet nin nada, pero aforras para a caña de despois).
Ademais recoméndoche tamén os demais grupos que participan no Festival Agustín Magán, podes consultar as datas e horarios. E toda a información que precisa na páxina da Federación Galega de Teatro Afeccionado (FEGATEA).
Avisad@ quedas: Andaravía Teatro, coa súa obra Bicos, no Teatro Principal.

*Se queres entradas avisa a poder ser antes do xoves, 30 de novembro.

15 nov. 2006

Andaravía en Brión

Esta semana, nova aparición dos Papaventos na prensa, esta vez en Tierras de Santiago, na nosa actuación en Brión.
Para nós foi un verdadeiro luxo poder inaugurar a nova casa da cultura cun público tan acolledor e tan cálido.
E dar as grazas a Alberte, que se ocupa de que os veciños e veciñas de Brión poidan gozar de teatro afeccionado no seu concello, dentro da ampla oferta cultural que programa.

10 nov. 2006

Os éxitos de Andaravía

Así titula hoxe La Voz de Galicia: Os éxitos de Andaravía. É que ultimamente vivimos nunha nube: os nosos éxitos.
Somos pequeniños, non temos detrás a ninguén que nos sustente, que manteña todo o que temos montado máis que a nosa ilusión, as gañas de soñar e o esforzo. E o apoio de todos vós, veciños e veciñas, amigos e amigas, que fomos atopando no camiño e que nos axudaron a chegar onde estamos agora e cos que agardamos seguir contando.
En novembro de 2001, un feixe de rapaces comezaban a xogar a facer teatro. En decembro de 2006, actuarán no Teatro Principal de Santiago de Compostela. É incrible.
Para nós, que o teatro constitúe unha paixón e unha liberación, chegar ao Principal é unha utopía. O 7 de decembro, os membros da compañía subiranse ao escenario máis importante de Galicia, e repartirán os seus Bicos con máis ilusión ca nunca. Debaixo, nas butacas, amigos, familia, coñecidos e futuros amigos, esperemos que nos acompañedes.
Son os pequenos éxitos de Andaravía.
Dende aquí, quero dar as grazas a varias persoas.
En primeiro lugar, a todos e a cada un dos meus compañeiros, porque se non fose pola implicación de todos nisto, non teriamos conseguido os nosos primeiros éxitos. É marabilloso poder contar cun grupo de amigos coma vós, por moitos anos máis.
Despois a todos os amigos e amigas que nos acompañan en cada representación, que veñen a Teatrofilia e que nos axudan a facer realidade os nosos soños, porque sen eles o noso traballo non tería sentido.

Se Papaventos e Andaravía colleitan éxitos, e por todo o universo que se xerou arredor desta pequena asociación. É máxico. Porque o noso vai máis aló do teatro.

Eli