28 feb. 2018

Velaí vén TEATROFILIA 2018!!!

Compañías de teatro de toda Galicia daranse cita a partir deste venres na XV Mostra de Teatro Amador de Vedra – Teatrofilia 2018, organizada pola Asociación Cultural Papaventos, que nesta edición recibe tamén a visita dunha agrupación portuguesa. A programación inclúe catorce representacións de teatro afeccionado e un espectáculo profesional, que poderán verse todos os venres, sábados e domingos, do 2 ao 24 de marzo, no Centro Social de Vedra.

As propostas abarcan diferentes xéneros e estilos —dende o teatro visual baseado no xesto e no movemento ata a comedia musical, pasando polo teatro de sombras ou o teatro de rúa—, conformando unha programación que amosa a evolución constante do teatro amador galego procedente non só do tecido asociativo, senón tamén do ámbito escolar e universitario.

As entradas para cada un dos espectáculos poderán adquirirse a 3 euros o mesmo día da función no Centro Social de Vedra e os espectadores terán tamén a opción de facerse cun bono para toda a Mostra a un prezo de 7 euros.

Ademais, este ano é moi especial para nós porque a A.C. Papaventos celebra o seu 30º aniversario e non podía faltar unha GRAN ESTREA! O 16 de marzo, Andaravía Teatro presenta o seu novo espectáculo ‘Moito barullo e poucas carolas’, adaptación musical da popular comedia romántica de William Shakespeare na que se reflicten
as dúbidas e medos á hora de embarcarse no amor.

O sábado 10 de marzo o Centro Social de Vedra acollerá un obradoiro creativo para toda a familia, no que os asistentes aprenderán a elaborar e decorar o seu propio papaventos. Unha vez rematado terán oportunidade de voalo se as condicións climatolóxicas o permiten. A entrada para participar neste obradoiro é de balde e é preciso inscribirse previamente no correo ac_papaventos@yahoo.es xa que as prazas son limitadas.

Tamén será precisa a inscrición previa para participar na visita teatralizada polos xardíns do Pazo de Santa Cruz de Ribadulla (Vedra) que Andaravía Teatro realizará o domingo 4 de marzo ás 16:30 horas. Baixo o título ‘Benvido, Sr. Ilustrado’, a compañía vedresa convida os participantes a descubrir os recantos máis destacados dun dos espazos máis emblemáticos do municipio a través dunha historia de ficción inspirada na visita que o ilustrado español Gaspar Melchor de Jovellanos realizou ao Pazo de Ortigueira en 1811 para curarse dun catarro con leite de burra. A entrada para a visita custa 5 euros.

Agardamos que vos guste o programa e veñades celebrar con nós a festa do teatro!

Contádeo e compartide!!
#Teatrofilia2018



18 ene. 2018

Gañadora do Concurso de Carteis Teatrofilia 2018

Ola teatreiras e teatreiros!

Andamos inmersos nos preparativos de TEATROFILIA 2018 e vimos de seleccionar a obra gañadora do XIII Concurso de Carteis para atopar a imaxe da Mostra de Teatro Amador de Vedra, que este ano celebrará a súa 15ª edición. Nesta ocasión, resultou gañador este deseño presentado por Teresa Saco Burgos, de Alcalá de Henares (Madrid), que recibirá un premio de 250 euros. Esta ilustradora, de orixe galega, xa fora a gañadora do concurso en 2016 e o seu traballo volve ser recoñecido nesta nova edición do certame. Parabéns!


Tamén repite como gañadora do accésit infantil, Claudia Dorelle Alvela, de 8 anos e natural de San Miguel de Sarandón (Vedra), que xa conquistara ao xurado en 2016. A súa obra titulada “A maxia do teatro”, fascinou aos membros do xurado, formado polos integrantes da asociación. 




Ademais, queremos anunciarvos que TEATROFILIA 2018 xa ten datas. A Mostra celebrarase os primeiros catro fins de semana de marzo (2, 3, 4, 9, 10, 11, 16, 17, 18, 23 e 24 de marzo). Moi pronto daremos a coñecer toda a programación desta edición, que coincidirá ademais coa celebración do 30º Aniversario da Asociación Cultural Papaventos. Podedes seguir todas as novidades a través do blog e da nosa páxina de Facebook: www.facebook.com/acpapaventos/

Un saúdo a todas e a todos!