28/02/2012

Teatrofilia 2012


Xa está aquí unha nova edición de Teatrofilia 2012, e aquí deixamos o precioso cartel desta edición.

21/01/2012

Gañadores do VI Concurso de Carteis para Teatrofilia 2012

Xa temos cartel para a vindeira edición de Teatrofilia!! Os autores, e polo tanto gañadores do concurso que convocamos, son Eloy Cambón García e Salomé Fernádez Liste (Santiago de Compostela). O accesit infantil é para tres rapaces do CPI "Antonio Orza Couto" de Forte (Boqueixón): Juan Manuel Taboada Barca, Raúl García Ferreiro e Brais Mujicas García. Noraboa a todos!! :)

10/03/2011

Ladys e Gentlemen, con todos vostedes... a VIII edición de Teatrofilia!!



O autor é Álvaro Sanchez Casa, de Sevilla, gañador do Concurso de Carteis desta edición. Noraboa!! Xa falta menos para que comece a función!

04/01/2011

V Concurso de carteis para anunciar Teatrofilia

A Asociación Cultural Papaventos convoca un concurso de carteis para anunciar a VIII Mostra de Teatro Amador de Vedra, Teatrofilia, que se celebrará nos meses de marzo e abril de 2011.

AS BASES DO CONCURSO SON:
1º) PARTICIPANTES
- Poderán presentarse ao concurso todas aquelas persoas que o desexen, sexan ou non veciños de Vedra, excepto os membros da Asociación Cultural Papaventos.
- Un mesmo autor/a poderá presentar o número de carteis que desexe.

2º) TEMA e CARACTERÍSTICAS TÉCNICAS
- Os carteis teñen que versar preferentemente sobre algo relacionado co teatro, xa que o obxectivo é anunciar Teatrofilia, a Mostra de Teatro Amador de Vedra. Non obstante, os participantes gozan de completa liberdade para escoller o tema, sempre e cando promova a difusión de dita Mostra.
- Os creadores dos carteis que se presenten ao concurso serán responsables da orixe da obra e, se esta estivera inspirada nun traballo alleo, deberán dispoñer da autorización do seu autor/a.
- O tamaño dos carteis é libre, así como a técnica empregada.
- Na parte superior do cartel figurará rotulado:
Teatrofilia
VIII Mostra de Teatro Amador de Vedra

O concursante ten a posibilidade de engadir este lema el mesmo ou deixar un espazo libre para a súa posterior rotulación.
-Deberase ter en conta que en algún lugar do cartel irán os logotipos das entidades que fan posible Teatrofilia, polo que se recomenda deixar un pequeño espazo libre na parte inferior.
-O xurado deste concurso valorará a orixinalidade dos carteis, así como a súa eficacia comunicativa e o impacto e a calidade do deseño.
- As modificacións que teñan que introducirse no cartel a posteriori de cara a sá publicación faranse co seu autor.

3º) PRESENTACIÓN
-A data límite para a presentación de carteis é o 15 de xaneiro de 2011.
- En ningún caso o cartel deberá ir identificado co nome do autor/a nin con pseudónimo.
- Os concursantes deberán presentar unha copia do seu traballo en tamaño folio. Dita copia e a identificación do autor ten que presentarse nun sobre pechado. Sería desexable, aínda que non
imprescindible, unha copia do arquivo en soporte informático e unha carta na que se indique o nome e o teléfono de contacto do autor/a.
- Os sobres pechados xunto cos carteis presentaranse no Concello de Vedra ou poderán remitirse ao seguinte enderezo:
Asociación Cultural Papaventos
Rúa da Boca, nº 9
CP 15885, Vedra (A coruña)

4º) PREMIOS
O autor/a do cartel gañador será premiado con 300 euros.
-Todos os participantes deste concurso serán obsequiados cun bono para a vindeira edición de Teatrofilia que poderán recoller no Concello ou na billeteira en Teatrofilia.
-Do mesmo xeito, concederase un premio accésit ao mellor cartel infantil (3-12 anos)

5º) XURADO
-O Xurado estará formado polos membros da Asociación Cultural Papaventos.
- Papaventos resérvase o dereito de declarar deserto o premio en caso de que ningún cartel acade os requisitos demandados.
-O fallo do xurado daráse a coñecer nos 15 días seguintes da finalización do prazo de entrega a través do blog de Papaventos, e da rede social Facebook www.asociacionpapaventos.blogspot.com.
- O veredito do xurado será inapelable.

6º) TRABALLOS PREMIADOS
- O cartel que resulte elexido para anunciar a VIII edición de Teatrofilia cederá todos os dereitos sobre o seu uso e explotación á Asociación Cultural Papaventos e poderá ser utilizado sobre calquera soporte gráfico, Internet, merchandising, etc.
-Tanto o premio do cartel gañador como o accésit infantil serán entregados aos seus autores/a o día da inauguración de Teatrofilia.

7º) TRABALLOS NON PREMIADOS
- Os traballos non premiados poderán ser recollidos polos seus autores unha vez resolto o concurso, nun prazo de trinta días a partires da publicación da persoa gañadora.
- Se os traballos non premiados non se demandan no prazo indicado, Papaventos entenderá que os seus autores/as renuncian á súa propiedade, podendo destruilos ou darlle destino que crea máis oportuno.

8º) PUBLICIDADE
- Os sucesivos anuncios e novas sobre este Concurso de Carteis serán publicados en www.asociacionpapaventos.blogspot.com e no Boletín do Concello de Vedra.

9º) NORMAS FINAIS
- Papaventos resérvase a posibilidade de organizar unha exposición cos carteis presentados sen que iso dea dereito a ningún tipo de retribución para os concursantes.

- Se algún dos autores desexa manter o anonimato en caso de que se celebre a exposición de carteis, deberá expresarllo á Asociación Cultural Papaventos (e-mail: ac_papaventos@yahoo.es , teléfonos de contacto: 626937587 / 679691988).
- Os concursantes, pola súa mera presentación, aceptan integramente as bases deste concurso.

25/01/2010

FALLO DO IV CONCURSO DE CARTEIS PARA TEATROFILIA

Xa temos gañadoras do concurso!! O cartel elixido para anunciar a VII Mostra de Teatro Amador de Vedra Teatrofilia está firmado polas artistas Aida Pérez e Marta Conde Domínguez, que recibirán o premio de 300 euros o primeiro día de Teatrofilia.

Este ano presentáronse uns 18 traballos. A todos os autores, moitísimas grazas por participar e ánimo para as vindeiras edicións!! Non esquezades que vós tamén tedes un bono gratis para asistir a Teatrofilia, así que... preparádevos que xa chega!

Estamos a traballar na organización desta nova edición da mostra teatral máis imporante de Vedra, comarca e arredores, así que estade atentos que pronto haberá novas... e pronto poderedes ver o cartel cheíño de propostas escénicas!

Ata pronto e un saúdo.

A.C. Papaventos

08/01/2010

Ampliación do prazo do concurso de carteis

ATENCIÓN, ATENCIÓN!
O prazo para presentar traballos ó IV Concurso de Carteis para anunciar a VII Mostra de Teatro Amador Teatrofilia amplíase ata o vindeiro 20 de xaneiro.
Lembrade que podedes gañar 300 euros e que todos os participantes teredes un bono gratis para asistir ás funcións de Teatrofilia.