7 dic. 2009

IV Concurso de Carteis para anunciar Teatrofilia 2010

Estas son as bases do IV Concurso de Carteis para anunciar a vindeira edición da mostra de teatro amador de Vedra: "Teatrofilia 2010". Fainos chegar a túa proposta e, se resultas gañador, conseguirás 300 euros. Anímate!

AS BASES DO CONCURSO SON:

1ª) PARTICIPANTES
- Poderán presentarse ao concurso todas aquelas persoas que o desexen, sexan ou non veciños de Vedra, excepto os membros da Asociación Cultural Papaventos.

- Un mesmo autor/a poderá presentar o número de carteis que desexe.

2ª) TEMA e CARACTERÍSTICAS TÉCNICAS
- Os carteis teñen que versar preferentemente sobre algo relacionado co teatro, xa que o obxectivo é anunciar Teatrofilia, a Mostra de Teatro Amador de Vedra. Non obstante, os participantes gozan de completa liberdade para escoller o tema, sempre e cando promova a difusión de dita Mostra.

- Os creadores dos carteis que se presenten ao concurso serán responsables da orixe da obra e, se esta estivera inspirada nun traballo alleo, deberán dispoñer da autorización do seu autor/a.

- O tamaño dos carteis é libre, así como a técnica empregada.

- Na parte superior do cartel figurará rotulado:
Teatrofilia
VII Mostra de Teatro Amador de Vedra

O concursante ten a posibilidade de engadir este lema el mesmo ou de deixar un espazo libre para a súa posterior rotulación.

- Deberase ter en conta que en algún lugar do cartel irán os logotipos das entidades que fan posible Teatrofilia, polo que se recomenda deixar un pequeno espazo libre na parte inferior.

- O xurado deste concurso valorará a orixinalidade do carteis, así como a súa eficacia comunicativa e o impacto e a calidade do deseño.

- As modificacións que teñan que introducirse no cartel a posteriori de cara á súa publicación faranse en colaboración co seu autor.


3ª) PRESENTACIÓN
- A data límite para a presentación de carteis é o 10 de xaneiro de 2010.

- En ningún caso o cartaz deberá ir identificado co nome do autor/a nin con pseudónimo.

- Os concursantes deberán presentar unha copia do seu traballo en tamaño folio. Dita copia e a identificación do autor ten que presentarse nun sobre pechado. Sería desexable, aínda que non imprescindible, unha copia do arquivo en soporte informático e unha carta na que se indique o nome e o teléfono de contacto do autor/a.

- Os sobres pechados xunto cos carteis presentaranse no Concello de Vedra ou poderán remitirse á seguinte dirección:
Asociación Cultural Papaventos
Rúa da Boca, nº 9
CP 15885, Vedra (A coruña)

4ª) PREMIOS
- O autor/a do cartel gañador será premiado con 300 euros.

- Todos os participantes deste concurso serán obsequiados cun bono para a vindeira edición de Teatrofilia que poderán recoller no Concello ou na billeteira en Teatrofilia.

5ª) XURADO
- O Xurado estará formado polos membros da Asociación Cultural Papaventos.

- Papaventos resérvase o dereito de declarar deserto o premio en caso de que ningún cartaz acade os requisitos demandados.

- O fallo do xurado darase a coñecer aos 15 días seguintes da finalización do prazo de entrega a través deste mesmo boletín, do facebook e do blog de Papaventos, www.asociacionpapaventos.blogspot.com.

- O veredito do xurado será inapelable.

6ª) TRABALLOS PREMIADOS
- O cartel que resulte elexido para anunciar a VII edición de Teatrofilia cederá todos os dereitos sobre o seu uso e explotación á Asociación Cultural Papaventos e poderá ser utilizado sobre calquera soporte gráfico, Internet, merchandising, etc.

- O autor/a do cartel gañador recibirá os 300€ o día da inauguración de Teatrofilia VI.

7ª) TRABALLOS NON PREMIADOS
- Os traballos non premiados poderán ser recollidos polos seus autores unha vez resolto o concurso, nun prazo de trinta días a partir da publicación do gañador.

- Se os traballos non premiados non se demandan no prazo indicado, Papaventos entenderá que os seus autores renuncian á súa propiedade, podendo destruilos ou darlle o destino que crea máis oportuno.

8ª) PUBLICIDADE
- Os sucesivos anuncios e novas sobre este Concurso de Carteis serán publicados en
www.asociacionpapaventos.blogspot.com, no Boletín do Concello de Vedra e tamén a través do facebook.

9ª) NORMAS FINAIS:
- Papaventos resérvase a posibilidade de organizar unha exposición cos carteis presentados sen que iso dea dereito a ningún tipo de retribución para os concursantes.

- Se algún dos autores desexa manter o anonimato en caso de que se celebre a exposición de carteis, deberá expresarllo á Asociación Cultural Papaventos (e-mail:
ac_papaventos@yahoo.es , teléfonos de contacto: 626937587 / 686994089).

- Os concursantes, pola súa mera presentación, aceptan integramente as bases deste concurso.

3 feb. 2009

CARTEL de TEATROFILIA 2009

A Asociación Cultural Papaventos decidiu declarar deserto o concurso de carteis deste ano, de acordo coas bases. Non obstante, estamos moi agradecidos a aqueles que participaron :).

Finalmente, decidiuse que o cartel que anunciará a VI Teatrofilia vai ser o de Mar Delgado, de Granada, que presentara un fermoso traballo o ano pasado, que quedara fóra de prazo.

Moi prontiño todos poderedes ver o que vos agarda en marzo e en abril, sobre o escenario da Casa da 3ª idade de Vedra... Non falta moito!!

Un saúdo a todos e, unha vez máis, graciñas a todos.

12 ene. 2009

ATENCIÓN; PROLÓNGASE O PRAZO DO CONCURSO DE CARTEIS

Ola a todos!!

A A.C. Papaventos decidiu prolongar unha semana máis o prazo da recepción dos carteis do concurso para anunciar a vindeira edición de Teatrofilia .

Deste modo, aqueles que o deixastes a medias, aos que se vos pasou o prazo, ou os que descubrades a existencia do concurso neste intre, tedes ata o próximo luns, 19 de xaneiro, para facernos chegar as vosas propostas, tal e como esixen as bases.

Moito ánimo e sorte!!!

5 ene. 2009

Feliz 2009

Os membros de Papaventos desexámosvos un moi moi feliz ano a todos, que veña cheo de saúde, ledicia, paz... e teatro!! Porque, ao final, sempre é necesario ter un pouquiño á man nesta vida...

Lembrade que aínda tedes algúns días para enviar as vosas propostas de carteis para a vindeira edición de Teatrofilia!!


Ata pronto!!