6 dic. 2006

Faltaranos ti, técnico ben cualificado

Ti a Mugardos e nós a Compostela. Traballo manda. Estrañarémoste moitísimo, Fonsinho, e sabes que nos lembraremos de ti ao escoitar "todas as mulleres se volven tolas por min", "padezo un proceso de descalcificación ósea" ou "tú lo que quieres es que me coma el tigre!". Iso si: da festa post-actuación ninguén te libra... ;)
Máis bicos ca nunca

28 nov. 2006

Andaravía no Principal


Pois si, xa temos data para o Principal. O día 7 de decembro ás 21h. estaremos o grupo de teatro Andaravía no Teatro Principal. Non caben excusas tipo "un xoves, que mal, ao día seguinte traballo", que é festivo. As entradas custarán 3 euros na billeteira, a metade se as encargades por adiantado, ben nos comentarios deste post ou se queres manter o anonimato blogueiro manda un correo a ac_papaventos@yahoo.es, porque se reservarían ao teu nome. De todos os xeitos, supoño que non se esgotarán as entradas (non movemos tanta xente como Tosar con Hamlet nin nada, pero aforras para a caña de despois).
Ademais recoméndoche tamén os demais grupos que participan no Festival Agustín Magán, podes consultar as datas e horarios. E toda a información que precisa na páxina da Federación Galega de Teatro Afeccionado (FEGATEA).
Avisad@ quedas: Andaravía Teatro, coa súa obra Bicos, no Teatro Principal.

*Se queres entradas avisa a poder ser antes do xoves, 30 de novembro.

15 nov. 2006

Andaravía en Brión

Esta semana, nova aparición dos Papaventos na prensa, esta vez en Tierras de Santiago, na nosa actuación en Brión.
Para nós foi un verdadeiro luxo poder inaugurar a nova casa da cultura cun público tan acolledor e tan cálido.
E dar as grazas a Alberte, que se ocupa de que os veciños e veciñas de Brión poidan gozar de teatro afeccionado no seu concello, dentro da ampla oferta cultural que programa.

10 nov. 2006

Os éxitos de Andaravía

Así titula hoxe La Voz de Galicia: Os éxitos de Andaravía. É que ultimamente vivimos nunha nube: os nosos éxitos.
Somos pequeniños, non temos detrás a ninguén que nos sustente, que manteña todo o que temos montado máis que a nosa ilusión, as gañas de soñar e o esforzo. E o apoio de todos vós, veciños e veciñas, amigos e amigas, que fomos atopando no camiño e que nos axudaron a chegar onde estamos agora e cos que agardamos seguir contando.
En novembro de 2001, un feixe de rapaces comezaban a xogar a facer teatro. En decembro de 2006, actuarán no Teatro Principal de Santiago de Compostela. É incrible.
Para nós, que o teatro constitúe unha paixón e unha liberación, chegar ao Principal é unha utopía. O 7 de decembro, os membros da compañía subiranse ao escenario máis importante de Galicia, e repartirán os seus Bicos con máis ilusión ca nunca. Debaixo, nas butacas, amigos, familia, coñecidos e futuros amigos, esperemos que nos acompañedes.
Son os pequenos éxitos de Andaravía.
Dende aquí, quero dar as grazas a varias persoas.
En primeiro lugar, a todos e a cada un dos meus compañeiros, porque se non fose pola implicación de todos nisto, non teriamos conseguido os nosos primeiros éxitos. É marabilloso poder contar cun grupo de amigos coma vós, por moitos anos máis.
Despois a todos os amigos e amigas que nos acompañan en cada representación, que veñen a Teatrofilia e que nos axudan a facer realidade os nosos soños, porque sen eles o noso traballo non tería sentido.

Se Papaventos e Andaravía colleitan éxitos, e por todo o universo que se xerou arredor desta pequena asociación. É máxico. Porque o noso vai máis aló do teatro.

Eli

22 oct. 2006

I Concurso de carteis para Teatrofilia

A Asociación Cultural Papaventos convoca un concurso de carteis para anunciar a IV Mostra de Teatro Amador de Vedra, Teatrofilia, que se celebrará entre marzo e abril de 2007.

AS BASES DO CONCURSO SON:

1ª) PARTICIPANTES
- Poderán presentarse ao concurso todas aquelas persoas que o desexen, sexan ou non veciños de Vedra, excepto os membros da Asociación Cultural Papaventos.

- Un mesmo autor/a poderá presentar o número de carteis que considere oportuno.

2ª) TEMA e CARACTERÍSTICAS TÉCNICAS
- Os carteis teñen que versar preferentemente sobre algo relacionado co teatro, xa que o obxectivo é anunciar Teatrofilia, a Mostra de Teatro Amador de Vedra. Non obstante, os participantes gozan de completa liberdade para escoller o tema, sempre e cando promova a difusión de dita Mostra.

- Os creadores dos carteis que se presenten ao concurso serán responsables da orixe da obra e, se esta estivera inspirada nun traballo alleo, deberán dispoñer da autorización do seu autor/a.

- O tamaño dos carteis é libre, así como a técnica empregada.

- Na parte superior do cartel figurará rotulado:
Teatrofilia e debaixo, cunha tipografía máis reducida,
IV Mostra de Teatro Amador de Vedra

O concursante ten a posibilidade de engadir este lema el mesmo ou de deixar un espazo libre para a súa posterior rotulación.

- Deberase ter en conta que en algún lugar do cartel irán os logotipos das entidades que fan posible Teatrofilia, polo que se recomenda deixar un pequeno espazo libre.

- O xurado deste concurso valorará a orixinalidade do carteis, así como a súa eficacia comunicativa e o impacto e a calidade do deseño.

- As modificacións que teñan que introducirse no cartel a posteriori de cara á súa publicación faranse en colaboración co seu autor.


3ª) PRESENTACIÓN
- A data límite para a presentación de carteis é o 31 de xaneiro de 2007.

- En ningún caso o cartaz deberá ir identificado co nome do autor/a nin con pseudónimo.

- Os concursantes deberán presentar unha copia do seu traballo en tamaño folio. Dita copia e a identificación do autor ten que presentarse nun sobre pechado. Sería desexable, aínda que non imprescindible, unha copia do arquivo en soporte informático e unha carta na que se indique o nome e o teléfono de contacto do autor/a.

- Os sobres pechados xunto cos carteis presentaranse no Concello de Vedra ou poderán remitirse á seguinte dirección:
Asociación Cultural Papaventos
Rúa da Boca, nº 9
CP 15885, Vedra (A coruña)

4ª) PREMIOS
- O autor/a do cartel gañador será premiado con 250 euros.

- Todos os participantes deste concurso serán obsequiados cun bono para a vindeira edición de Teatrofilia.

5ª) XURADO
- O Xurado estará formado polos membros da Asociación Cultural Papaventos.

- Papaventos resérvase o dereito de declarar deserto o premio en caso de que ningún cartaz acade os requisitos demandados.

- O fallo do xurado darase a coñecer aos 15 días seguintes da finalización do prazo de entrega a través deste mesmo boletín e do blog de Papaventos, www.asociacionpapaventos.blogspot.com.

- O veredicto do xurado será inapelable.

6ª) TRABALLOS PREMIADOS
- O cartel que resulte elexido para anunciar a IV edición de Teatrofilia cederá todos os dereitos sobre o seu uso á Asociación Cultural Papaventos e poderá ser utilizado sobre calquera soporte gráfico, Internet, merchandising, etc.

- O autor/a do cartel gañador recibirá os 250€ o día da inauguración de Teatrofilia IV.

7ª) TRABALLOS NON PREMIADOS
- Os traballos non premiados poderán ser recollidos polos seus autores unha vez resolto o concurso, nun prazo de trinta días a partir da publicación do gañador.

- Se os traballos non premiados non se demandan no prazo indicado, Papaventos entenderá que os seus autores renuncian á súa propiedade, podendo destruilos ou darlle o destino que crea máis oportuno.

8ª) PUBLICIDADE
- Os sucesivos anuncios e novas sobre este Concurso de Carteis serán publicados en
www.asociacionpapaventos.blogspot.com e no Boletín do Concello de Vedra.

9ª) NORMAS FINAIS:
- Papaventos resérvase a posibilidade de organizar unha exposición cos carteis presentados sen que iso dea dereito a ningún tipo de retribución para os concursantes.

- Se algún dos autores desexa manter o anonimato en caso de que se celebre a exposición de carteis, deberá expresarllo á Asociación Cultural Papaventos (e-mail:
ac_papaventos@yahoo.es, teléfonos de contacto: 606120655 / 686994089).

- Os concursantes, pola súa mera presentación, aceptan integramente as bases deste concurso.
Anímate e amósanos o artista que levas dentro!!!

20 oct. 2006

Noraboa, Sariegu!!!

Pronto se cumprirá un ano da viaxe de Papaventos a Asturies, concretamente, a Sariegu. Primeiro foron eles os que, grazas aos lazos de amizade con algúns do grupo (léase Hixi, por exemplo), se achegaron a coñecer Vedra traéndonos como presente a súa arte na danza e no teatro. Logo, tocounos a nós repartir 'Bicos' por esa encantadora vila, que este ano logrou o título de "pueblo ejemplar".
Dende aquí, creo que todos os de Papaventos queremos darlle a noraboa aos sareganos que tan, tan, tan ben nos trataron tanto aquí como alá. A súa cordialidade e bo corazón tiveron premio, e dos oficiais. Tan pronto como Hixi nos deu a nova a nosa reacción foi aplaudir. Por algo será. Mañá moitos estaremos pendentes deles, a ver se os vemos na tele, jeje...

18 oct. 2006

Unha curta que dará para longo


Os vínculos que o unen con Papaventos son os máis fortes. Os do amor e os da amizade. Quixo contar con nós para facer realidade unha historia que imaxinou, para darlle vida a uns personaxes que tiñan algo que contar. E alá fomos todos a poñernos diante da cámara e tentar dar o mellor de nós. Tierras de Santiago nomeouno hoxe personaxe destacado da semana xunto con outros seis veciños da comarca compostelá. Abelardo Rendo foi o noso director en 'As Farolas', a curtametraxe que estivemos grabando as últimas dúas fins de semana. Dende aquí, queriamos agradecerlle que nos dera a oportunidade de aprender, de compartir e de coñecer. De aprender que non é tan fácil levar adiante un proxecto destas características senunpesoealoloco, que fai falta moita vontade e bondade por parte de todos e moita organización. Que todos somos imprescindibles e que o que de verdade importa é o traballo en equipo. De aprender que, aínda que pareza un tópico, o que graba a cámara e finalmente verá todo o mundo, non sería nada se non fora por todo o que se coce detrás dela. De compartir esta experiencia con uns pedazo profesionais, técnicos e artistas, que te caghas e que ademáis son xente coa que paga a pena compartir máis que unha rodaxe, e como non, con cada un dos piñóns da piña de Andaravía. E por suposto de coñecer a algúns dos actores e actrices máis recoñecidos da escea e do audiovisual galego, de velos traballar de preto, compartir momentos e conversas, aprender deles e volvemos comezar. Por todo iso, GRAZAS. E como escribiu Pepe, que "esta curta se convirta nun largo, largo traballar, largo equipo, longa amizade".

María

28 sept. 2006

Teatro e Power pop


Para un cartaz chuliiiirmo no que aparecemos, van e poñen mal o nome do grupo. Pero que demo pasa? Isto xa se está a converter nunha costume. Que si algarabía, que si aldaravía, que si patatín, que si patatán. De verdade é tan difícil? ANDARAVÍA, AN-DA-RA-VÍ-A, A-N-D-A-R-A-V-Í-A. Por esta vez, perdonámosvos pero que sexa a última, eh?! Sabemos que somos un grupo pequeno (pero xeitoso) e que non gozamos de gran popularidade alén das nosas fronteitas vedresas pero é que nos doe no corazón. Non vou dramatizar máis e direivos que isto, aínda que certo, é unha excusa para lembrarvos que o vindeiro xoves, 5 de outubro, o Cactus celebra o seu primeiro aniversario e que poderedes vernos por alí facendo o que máis nos gusta... e non especifico. Tedes unha cita no lugar de Pite, parroquia de Lucí, concello de Teo (e ao que non chegue con tanta indicación xa lle vale) ás dez da noite. Compartimos "escenario" co grupo galego do momento, The Homens, que nos fará mover o esquelete a ritmo de power pop. Non se pode pedir máis, a noite do xoves presúmese ferpecta e vós estades convidados.

Só me queda dicir... Parabéns para o Cactus e a por outro ano máis!!!!

María :)

21 sept. 2006

Última hora

Para min (Sara) a primeira clase de teatro deste curso foi moi satisfactoria. Atrévome a dicir que para os meus compañeiros tamén. Tivemos de todo: quentamento corporal, masaxes, xogos e improvisación. Tamén houbo moitas risas, bo rollo entre nós e con Xoan e ganas de pasalo ben. E hai deberes para a semana, claro. Dáme a min que este curso o imos pasar en grande e progresar neste mundo de telóns e focos. Xa teño ganas de que chegue o próximo mércores!!
E un aviso: Papaventos vai organizar un concurso onde os que queiran poden presentar unha proposta de cartaz para a vindeira edición de Teatrofilia. De momento, no boletín do concello do mes de novembro sairá o aviso só porque aínda non decidimos cales van ser as bases, pero no seguinte número xa aparecerán (espero) e aquí tamén tan pronto como tomemos decisións. Se o tal "Gordon" nos deixa, claro. ;P

19 sept. 2006

O retorno

Mañá comeza de novo o curso para os de Papaventos. Logo dun verán no que cadaquén voou pola súa conta máis ou menos, dende xa comezaremos a ver o que deron de si este tempo de lecer. Xa tivemos un pequeno ensaio nunha xuntanza-xantar desas que nos gustan a nós na casa de Inés. Á parte de compartir risas, compartimos delicias gastronómicas que nos fixeron pensar seriamente en chamarnos 'Asociación Cultural e Gastronómica Papaventos'. Logo, tamén tivemos reunións dun par de horas (outra característica do grupo) e ata unha tarde de limpeza a fondo do noso local para evitar caer na síndrome de Dióxenes, ;P
Pero o primeiro é o primeiro, así que catering e desinfectantes á parte, mañá, cando nos reunamos co novo profesor, Xoan Curiel, os de Andaravía-Papaventos e as novas persoas que se unan xuntaremos as nosas imaxinacións para crear novas ideas ás que logo lles intentaremos dar vida enriba das táboas.
Xa sabedes, Papaventos e Andaravía Teatro returns... Pronto teredes noticias nosas.

12 jul. 2006

Extra, extra!!!

Para que vexades que ata en vacacións seguimos "ó pé do telón", diremos que, logo de rexeitar propostas de directores de Jolibú que querían dirixirnos a vindeira tempada, xa temos decidido quen será o novo colega e encargado de darnos as pautas para poñer a andar o próximo éxito papaventiano. A ver, por favor... Ese redoble de tambor...
Chámase Xoan Curiel. É actor, hoxe en día está nos Quinquilláns,aínda que tamén dá cursos de teatro pola súa conta. Estudou en Barcelona moitas cousas vencelladas á arte teatral, dende expresión corporal a canto e voz. De feito, el tamén é cantautor. Guitarra en man, xa deu algún concertiño por Santiago, por exemplo, no Teatro Principal. E, segundo nos contou, está a piques de quitar un disco. Seguramente fixo moitas máis cousas das que agora mesmo non me lembro, porque non teño o seu curriculum aquí e, por mor das prácticas, cheguei tarde á primeira reunión que tivemos con el (ai, que desastriño de secretaria...).
As nosas primeiras impresións foron positivas. En realidade, as primeiras impresións consistiron no comentario "Sergio Dalma, é o novo profesor????" Porque se parecen moitísimo, aínda que hai quen opina que se asemella máis a Albert Pla. Ao que iamos: a forma de traballo de Curiel parece encaixar co que buscabamos. Polo de agora, non imos desvelar as ideas que se nos ocorreron para levar aos escenarios, pero aseguramos que, se as cousas saen ben, o éxito pode ser criminal.

Seguiremos informando... que por hoxe, xa está ben de exclusivas, ¿non?
Un saúdo a todos!

8 jun. 2006

Vacacións!!

O teatro tamén cansa. Necesitamos cargar as pilas para poñernos uns a enfrontarnos cos exames, outros a broncearse e outros a seguir traballando no seu, como de costume. Ademais, hai que ter en conta que ir de negro baixo 40º de calor... ;o)
As actuacións teatrais chegaron á súa fin ata setembro, máis ou menos. Non obstante, aproveitaremos o periodo estival para ir pensando novas ideas que levar ás taboas. Logo do verán, volveremos case todos máis moreniños, pero con ganas de actuar renovadas. De tódolos xeitos, aquí podedes seguir escribindo (ou comezar a facelo, xD) cando vos pareza e sobre o que vos pete.
Un saúdo moi agarimoso a todos!

19 may. 2006

Directamente nós

Hoxe fai catro anos que Papaventos fixo a súa primeira actuación na súa nova fase, coa súa nova formación.
Era en Santa Cruz de Rivadulla (Vedra), ía moita calor, un sol inmenso veu á estrea de Directamente Nós, a retransmisión en directo da TVVE, a televizión de Vedra, a televizión que maiz ze ve!!!
De man de Rita Carballo, esa presentadora que lucía roda no escenario, e de Pelaez, esa reporteira que sempre estaba onde se cocen as fabas, xurdía a maxia do teatro. Mister Smith, os nosos augardenteiros, os nosos marchosos, ata o cura, as concentracións e o Z non se podían perder o proxecto que Pepe Penabade fixera realidade, impulsado por Nande, o que naquel entón era o concellal de cultura.
Hoxe, catro anos despois, non podemos deixar de facer un guiño ao día en que máis emoción sentimos probablemente na nosa vida, aínda que dese día só quedemos catro ou cinco.
Permitídime evocar un dos momentos sen dúbida máis bonitos do día: todos e todas sentados ao borde do escenario, mirando a Pepe Penabade que nos dicía que antes que nada, "gozade do momento, pasádeo ben, porque este é o voso momento".
Sen Penabade, hoxe non seriamos o que somos, que tampouco significa que sexamos moito, pero para nós ese pouco é moito.
Eu (Eli) quero darlle hoxe ás grazas a Pepe, por seguir ao noso lado despois de tanto tempo, a Sara, María Gaiteiro e a Antón, porque resistiremos, a Hixi, porque ese día era corpo de baile pero hoxe xa é moito máis, e aos meus outros e outras compañeiras (non digo os nomes que senón é un coñazo...) porque permitiron que Papaventos sexa moito máis que unha asociación cultural ou que un grupo de teatro. Por último, unha aperta moi forte para todos e todas aqueles que aquel día compartiron escenario connosco, pero que por diversos motivos xa non están con nós, porque sentimos o cariño na distancia.
Somos unha familia, nos os trece, mamás, papás, irmáns, primos, moz@s, amig@s. Esa gran familia que é hoxe Papaventos, que queremos que sexa cada vez maior, porque a maxia do teatro uniu a moita xente. Esa familia que alumou un proxecto impensable noutrora, Teatrofilia, o noso fillo predilecto, que queredes que vos diga, do que máis orgullosos estamos.
Pero temos que acordarnos de onde vimos, da obra que máis éxito nos deu: Directamente Nós. Feliz cumpreanos a todo o equipo da TVVE.

17 may. 2006

Última actuación da tempada

Andaravía realizará por última vez na tempada Bicos. Será en Muros, ás 22,00 horas, este venres. Así que animámoste a que te achegues por alí.
De todos modos non te preocupes, porque se quedas falt@ de "bicos", en outubro retomaremos a andaina, e de momento sabemos que os nosos beijinhos chegarán ata Matamá (Vigo), Milladoiro (Ames) e Noia.
Pero de momento, xa sabes: venres 19 de maio, Muros, ás 22,00 horas.

No 17 de maio...




Feliz día das letras!!!

27 abr. 2006

Luba TV

"LUBA TV pretende ser unha plataforma visual para que a mocidade poida presentar e difundir o seu traballo nos terreos da arte, o deporte, a música, a dramática, a danza e outras disciplinas.
O programa parte como elemento central da liga universitaria de baloncesto, que se celebrará no pavillón de deportes do campus vigués, desde onde o presentador Raúl Piñeiro guiará o programa para enlazar logo coas distintas actividades artísticas que se amosen. Esta novidosa Liga, na que os equipos son mixtos, conta coa colaboración dos tres campus galegos e do portugués de Porto, iniciando así a primeira liga televisiva universitaria galego-portuguesa.
O baloncesto serve a LUBA TV como reclamo para conectar coa mocidade galega, a través dun deporte dinámico que ten unha imaxe positiva. Como premio, o programa entregará ao equipo gañador unha viaxe a EE.UU. para asistir a un partido da NBA.
Mergullando nas materias artísticas que toca o programa, a música apostará polos valores da cultura autóctona, polos grupos galegos e portugueses; o baile atenderá a distintas formacións de danza moderna; os duólogos presentaranse como unha especialidade cómica para a crítica e o humor, cuxos intérpretes se seleccionarán dos tres campus galegos, e tamén haberá reportaxes sobre o deporte base. O novidoso espazo tamén dará oportunidade a un equipo de xente allea ao programa para que filme a súa visión do que sucede nunha gravación de LUBA TV, que exercerá como director convidado."


"(...) na sección duólogos, dous estudantes de Xornalismo, María e Eliana, e un de informática, Alfonso, terán a oportunidade de amosar o seu talento;"

Iso foi a semana pasada: tres papaventos marchamos para Vigo a amosar talento! E bueno, pois fixemos o que puidemos. Esta semana recomendamos que non volo perdades, porque de novo, ás 16,25, este sábado, 3 papaventos volverán demostrar toda a súa valía. María M. (para diferenciala da G.) e Alfonso repetirán, e Hixi, despois de triunfar no seu papel dramático de Rías Baixas, demostrará que está preparado para protagonizar Al salir de clase, en sendos duólogos ;P. Nada, que a ver se é unha boa plataforma, pero polo visto unha de nós xa tivo múltiples chamadas de produtoras, jajaja.





A parte diso, comentar que o vindeiro día 6 actuaremos en Zas, en Baio. E o 19 de maio será en Muros. Xa concretarei horas, pero é que como teño a cabeciña a compoñer...

No relativo ás enquisas, agradecer profundamente ás 101 persoas que voluntariosamente, en especial ás 72 que non levastes o boli para casa ;), cubristes o papeliño e nos demostrastes un profundo afecto. Para nós é moi importante saber que contamos co voso apoio para o ano que ven, e que o noso traballo, porque hai moito traballo detrás, está dando os seus froitos. Graciñas, de verdade. Case todos os comentarios, salvo algún que pasa neng, mostraban o voso cariño e o voso apoio. Grazas, en serio. Se non estivesedes aí non sería posible. Así demostramos que o teatro en Vedra funciona, vaia se funciona.

Nós, despois dunhas pequenas vacacións, xa nos poñeremos mans á obra porque queremos que cada ano Teatrofilia sexa mellor. Graciñas, de corazón. E nada, a ver os talentos de Papaventos este sábado!!!

12 abr. 2006

Teatrofilia III

Hai tres anos Teatrofilia era un soño. Un soño que se fixo alcanzable gracias á persoa que nos descubriu a paixón polas táboas. “Tres fins de semana de teatro afeccionado en Vedra, encargándonos nós de todo”. ¡Uf! Ambicioso... si... pero, ¿por que non intentalo? E fixémolo posible. O que era cousa de tolos para algúns, porque non lle vían futuro (“o teatro en Vedra non funciona”, “non vai arriba”, etc.) cumpriu estes días tres primaveras.
Traballiño nos custou e nos costa todo o ano, que os grupos que veñen actuar non se pagan sós, non. Páganse con cartos da Asociación (que non ten ánimo de lucro) ou con intercambio de actuacións. E non só iso, senón que tamén corre á conta de Papaventos, coa axuda de Ullán (outra asociación cultural vedresa), o labor de armar a caixa negra, o son, a iluminación, etc. Por non falar da busca e captura de grupos de teatro que poidan actuar nas datas que escollemos para a mostra, e atendelos e... ¡Que vos imos contar...!
¿Podería ofrecer algo semellante o Concello? As palabras do Concelleiro de Cultura son rotundas: NON. Aínda así, en canto á axuda pola súa parte, canto menos poidan abrir a man, mellor. É máis cómodo lavalas. Sentímolo, pero é así... Non lles basta con ver a numerosa asistencia cada día a Teatrofilia, o traballo que nos supón e o contenta que está a xente coa mostra. E non é que o digamos nós. Son palabras dos veciños que veñen ó teatro, opinións que se recollen en enquisas (próximamente publicaremos os resultados).
Pero eses pequenos detalles, non son nada comparados coa ledicia que sentimos ó vivir Teatrofilia dende dentro e tamén como espectadores. Os bos momentos que nos dan esas catro fins de semana (tres sabían a pouco), non nolos quita nada nin ninguén. Xa non só é porque o tema vaia de teatro, senón polo tempo que pasamos xuntos. E tamén por ver que os sorrisos da xente recompensan o esforzo e porque os feitos evidencian que as palabras de quen noutrora nos acusou de ilusos xa non teñen sentido.
Moitos piden Teatrofilia todo o ano. Sería demasiado... pero nós tamén a botaremos de menos.

27 mar. 2006

Día mundial do teatro

Onte, en Teatrofilia, limos o manifesto que escribiu o dramaturgo mexicano Víctor Hugo Rascón para conmemorar esta xornada de reivindicación e homenaxe teatral. Velaquí algúns fragmentos:
O teatro conmove, ilumina, incomoda, perturba, exalta, rebela, provoca, trasgrede. É unha conversa compartida coa sociedade. O teatro é a primeira das artes que se enfronta coa nada, coas sombras e co silenzo para que xurdan a palabra, o movemento, as luces e a vida.
O teatro é un feito vivo que se consume a si mesmo mentras se produce, pero sempre renace das cinzas. É unha comunicación máxica na que cada persoa dá e recibe algo que a transforma.
O teatro ten inimigos visibles, a ausencia de educación artística na nenez, que impide descubrilo e gozalo; a pobreza que invade ó mundo, alonxando ós espectadores das butacas e a indiferencia e o desprezo dos governos que deben promovelo.
Polo que a nós respecta, todo segue vento en popa. Aínda que o tempo destes días parecía propio de tormentas do Amazonas, dinme de conta de que o local de teatro débelles resultar acolledor ós nosos espectadores, porque a asistencia non baixou nada, senón todo o contrario.
Nós estamos encantados, aínda que de vez en cando atopemos "sorpresiñas". Aceptamos críticas, que para iso poñemos á disposición de todos este blog e o correo electrónico, pero non podemos permitir que se falte á verdade. Así que eu direi que:
1) Non sei se tódolos veciños de Vedra lle concederon o privilexio de actuar como portavoz a "Yony", pero dubídoo.
2) As palabras que pon "Yony" en boca de Mourinho non son as mesmas que dixo o futbolista ("Cataluña es un país de cultura y sabéis lo que es el teatro"). Ademais, non entendo moi ben por qué mestura a velocidade co touciño...
3)"Os veciños de Vedra xa nos estamos cansando do teatro do PSOE". Uf, non sei se "Yony" (que volve actuar como portavoz dos veciños vedreses) se refire a que o governo do concello fai teatro ou que. Se é unha crítica neste sentido, o concello ten unha web e un correo para deixar suxestións ou o que se queira, pero unha nova de Teatrofilia non é lugar. Pero como o que di "Yony" se pode entender doutra maneira e dar lugar a equívocos, deixo ben clariño que Teatrofilia é unha mostra organizada pola Asociación Cultural Papaventos, totalmente independente do concello e libre de todo partidismo político. Somos os compoñentes de Papaventos "os que poñemos o lombo e pagamos co noso corpo", como diría Antón, para sacar adiante catro fins de semana de teatro. Polo de agora, non semella que a xente se canse "de ver teatro", ¿ou é que 110 persoas, que foi o mínimo de asistencia polo de agora, non contan nada? Preguntade no Principal de Santiago a ver canta xente ten habitualmente calquera das obras profesionais que poida representarse nel... Governe quen governe, nos intentaremos sempre, sempre seguir con Teatrofilia e co teatro en Vedra, que é a nosa terriña.
Non pretendo influir nos gustos de cadaquén. O teatro, igual que o cine, a lectura ou o deporte, pode gustar ou non, pero non se deben confundir nin termos nin falar do que non se sabe. Non sei se alguén quere engadir algo máis. Eu tan só digo que... ¡viva o teatro! Hoxe toca celebralo.
Sara

20 mar. 2006

Abriuse o telón

Éxito. De novo, esta é a palabra que mellor pode definir a primeira fin de semana de Teatrofilia III, aínda que poderiamos engadirlle "total y rotundo", como dirían en Jrelos Crest, dos nosos colegas de Ullán. En fin, que aínda que o tempo non acompañou, a xente si: a media de espectadores foi dunhas 200 persoas por día. Nada, nada mal se consideramos que, ás veces, se fan funcións -importantes e todo ¿eh?- para 10 persoas ou menos. Nós tamén podemos dar fe.
Os cinco espectáculos teatrais que se representaron gozaron en xeral de boas críticas (digo en xeraaaaal, que para gustos, cores), aínda que non podemos negar que tanto a acollida de A picadura da galiña -dos futuros actores e actrices vedreses- como a de Bicos, a nosa obra, quizais foron máis calurosas que a de ningunha outra. Iso que a noite do sábado coincidiu con moitas outras cousas: que se cea dos Pepes, que se cea das Mulleres Rurais, excursións, etcétera. Así que a todos os que nos acompañastes, moitas gracias. Estamos moi orgullosos.
Para nós foi moi especial volver subir ó escenario de Teatrofilia, actuar enfrontándonos ás miradas e as críticas (no bo sentido da palabra, jeje) dos nosos veciños, recibir unha salva de aplausos e tamén ver que o noso compañeiro Breo volvía ás táboas do escenario, aínda que nada máis fose para presentar a nosa actuación maila dos cativos. Por certo, díxonos que todos deberiamos deixar unha tempada o teatro para velo dende fóra -a nosa obra, vaia-. Uhm... ¿farémoslle caso?
O certo é que cada día de Teatrofilia nos resulta especial, aínda que non sexamos nós os que actuemos. Gústanos colocar as cadeiras, vender entradas, recollelas, atender ós grupos que veñen actuar, ver como se enche o salón cada día e como se baleira. Como non, tamén nos gusta celebralo. É unha rutina fermosa, desas polas que non te soes queixar. E, alomenos eu, xa non concibo marzo e abril sen teatro.
A festa de Teatrofilia continúa. Lembrade que esta fin de semana hai máis teatro! Agardámosvos a todos.
Sara
P.D.: Atopei isto en internet, pa que vexades que Teatrofilia, anda algo pola rede adiante ;)

13 mar. 2006

Teatrofilia 2006


Ola! Aquí andamos os papaventos montando Teatrofilia 2006. Máis ou menos, xa está todo a punto. Velaí tedes a portada do noso díptico deste ano. Traemos un cartelazo!!! Espero que todos e todas vos pasedes por alí, porque ten moi pero que moi boa pinta.

11 mar. 2006

Teatrofilia 2006

Xa está en marcha a preparación de Teatrofilia 2006. Dende o 17 de marzo ata o 8 de abril poderás disfrutar das mellores representacións de Teatro Afeccionado en Vedra. Máis novas próximamente.