22 oct. 2006

I Concurso de carteis para Teatrofilia

A Asociación Cultural Papaventos convoca un concurso de carteis para anunciar a IV Mostra de Teatro Amador de Vedra, Teatrofilia, que se celebrará entre marzo e abril de 2007.

AS BASES DO CONCURSO SON:

1ª) PARTICIPANTES
- Poderán presentarse ao concurso todas aquelas persoas que o desexen, sexan ou non veciños de Vedra, excepto os membros da Asociación Cultural Papaventos.

- Un mesmo autor/a poderá presentar o número de carteis que considere oportuno.

2ª) TEMA e CARACTERÍSTICAS TÉCNICAS
- Os carteis teñen que versar preferentemente sobre algo relacionado co teatro, xa que o obxectivo é anunciar Teatrofilia, a Mostra de Teatro Amador de Vedra. Non obstante, os participantes gozan de completa liberdade para escoller o tema, sempre e cando promova a difusión de dita Mostra.

- Os creadores dos carteis que se presenten ao concurso serán responsables da orixe da obra e, se esta estivera inspirada nun traballo alleo, deberán dispoñer da autorización do seu autor/a.

- O tamaño dos carteis é libre, así como a técnica empregada.

- Na parte superior do cartel figurará rotulado:
Teatrofilia e debaixo, cunha tipografía máis reducida,
IV Mostra de Teatro Amador de Vedra

O concursante ten a posibilidade de engadir este lema el mesmo ou de deixar un espazo libre para a súa posterior rotulación.

- Deberase ter en conta que en algún lugar do cartel irán os logotipos das entidades que fan posible Teatrofilia, polo que se recomenda deixar un pequeno espazo libre.

- O xurado deste concurso valorará a orixinalidade do carteis, así como a súa eficacia comunicativa e o impacto e a calidade do deseño.

- As modificacións que teñan que introducirse no cartel a posteriori de cara á súa publicación faranse en colaboración co seu autor.


3ª) PRESENTACIÓN
- A data límite para a presentación de carteis é o 31 de xaneiro de 2007.

- En ningún caso o cartaz deberá ir identificado co nome do autor/a nin con pseudónimo.

- Os concursantes deberán presentar unha copia do seu traballo en tamaño folio. Dita copia e a identificación do autor ten que presentarse nun sobre pechado. Sería desexable, aínda que non imprescindible, unha copia do arquivo en soporte informático e unha carta na que se indique o nome e o teléfono de contacto do autor/a.

- Os sobres pechados xunto cos carteis presentaranse no Concello de Vedra ou poderán remitirse á seguinte dirección:
Asociación Cultural Papaventos
Rúa da Boca, nº 9
CP 15885, Vedra (A coruña)

4ª) PREMIOS
- O autor/a do cartel gañador será premiado con 250 euros.

- Todos os participantes deste concurso serán obsequiados cun bono para a vindeira edición de Teatrofilia.

5ª) XURADO
- O Xurado estará formado polos membros da Asociación Cultural Papaventos.

- Papaventos resérvase o dereito de declarar deserto o premio en caso de que ningún cartaz acade os requisitos demandados.

- O fallo do xurado darase a coñecer aos 15 días seguintes da finalización do prazo de entrega a través deste mesmo boletín e do blog de Papaventos, www.asociacionpapaventos.blogspot.com.

- O veredicto do xurado será inapelable.

6ª) TRABALLOS PREMIADOS
- O cartel que resulte elexido para anunciar a IV edición de Teatrofilia cederá todos os dereitos sobre o seu uso á Asociación Cultural Papaventos e poderá ser utilizado sobre calquera soporte gráfico, Internet, merchandising, etc.

- O autor/a do cartel gañador recibirá os 250€ o día da inauguración de Teatrofilia IV.

7ª) TRABALLOS NON PREMIADOS
- Os traballos non premiados poderán ser recollidos polos seus autores unha vez resolto o concurso, nun prazo de trinta días a partir da publicación do gañador.

- Se os traballos non premiados non se demandan no prazo indicado, Papaventos entenderá que os seus autores renuncian á súa propiedade, podendo destruilos ou darlle o destino que crea máis oportuno.

8ª) PUBLICIDADE
- Os sucesivos anuncios e novas sobre este Concurso de Carteis serán publicados en
www.asociacionpapaventos.blogspot.com e no Boletín do Concello de Vedra.

9ª) NORMAS FINAIS:
- Papaventos resérvase a posibilidade de organizar unha exposición cos carteis presentados sen que iso dea dereito a ningún tipo de retribución para os concursantes.

- Se algún dos autores desexa manter o anonimato en caso de que se celebre a exposición de carteis, deberá expresarllo á Asociación Cultural Papaventos (e-mail:
ac_papaventos@yahoo.es, teléfonos de contacto: 606120655 / 686994089).

- Os concursantes, pola súa mera presentación, aceptan integramente as bases deste concurso.
Anímate e amósanos o artista que levas dentro!!!

No hay comentarios: