10 nov. 2017

Concurso de carteis para a anunciar TEATROFILIA 2018



A Asociación Cultural Papaventos convoca o XIII Concurso de Carteis para seleccionar a imaxe que representará a XV Mostra de Teatro Amador de Vedra - Teatrofilia 2018.

O concurso está aberto a artistas, deseñadores e creadores que queiran presentar as súas propostas. O prazo para facelo estará aberto ata o 10 de xaneiro de 2018.

Podedes consultar as bases do concurso a continuación:

1 - PARTICIPANTES

• Poderán presentarse ao concurso todas aquelas persoas que o desexen, agás os membros da Asociación Cultural Papaventos e familiares directos.
• Cada participante poderá presentar un máximo de dúas obras.

2 - TEMA e CARACTERÍSTICAS TÉCNICAS

• Os carteis teñen que versar preferentemente sobre algo relacionado co teatro. Non obstante, os participantes gozan de completa liberdade para escoller o tema.
• Os/as creadores/as dos carteis que se presenten ao concurso serán responsables da orixe da obra e, se esta estivera inspirada nun traballo alleo, deberán dispoñer da autorización do seu autor/a.
• O tamaño dos carteis debe ser formato A3 (297x420mm).
• Poderán realizarse con calquera técnica (pictórica, fotográfica, informática, etc.).
• No cartel figurará rotulado:
Teatrofilia
XV Mostra de Teatro Amador de Vedra

• É obrigatorio empregar a tipografía “Alba” para a palabra Teatrofilia. Esta pódese descargar no seguinte enderezo web: http://www.fontreactor.com/
• Deberase ter en conta que nalgún lugar do cartel irá a programación da mostra así coma os logotipos das entidades que fan posible Teatrofilia.
• O xurado deste concurso valorará a orixinalidade dos carteis, así como a súa eficacia comunicativa e o impacto e a calidade do deseño.

3 - PRESENTACIÓN

• A data límite para a presentación de carteis é o 10 de xaneiro de 2018.
• En ningún caso o cartel deberá ir identificado co nome do autor/a nin con pseudónimo.
• Os participantes deberán presentar unha copia do seu traballo en tamaño folio. Dita copia e a identificación (nome e apelidos, número de teléfono e correo electrónico, data de nacemento no caso de ser participante do accésit infantil) do autor/a ten que presentarse nun sobre pechado. Sería desexable, aínda que non imprescindible, unha copia do traballo en soporte informático.
• Os sobres pechados xunto cos carteis poderanse presentar ata o 10 de xaneiro (inclusive) na Casa do Concello de Vedra ou a través de correo postal:
Asociación Cultural Papaventos
Rúa da Boca, nº 9 CP 15885, Vedra (A Coruña)
• Tanto nos sobre enviados por correo postal como nos presentados na Casa do Concello de Vedra deberá figurar na parte exterior o asunto: XIII Concurso de Carteis Teatrofilia 2018.

4 - PREMIOS

• O autor/a do cartel gañador será premiado con 250 euros.
• Cada participante deste concurso será obsequiado cun bono para a vindeira edición de Teatrofilia que poderán recoller na súa billeteira.
• Do mesmo xeito, concederase un premio accésit ao mellor cartel infantil (3-12 anos).

5 - XURADO

• O xurado estará formado polos membros da Asociación Cultural Papaventos.
• A Asociación Cultural Papaventos resérvase o dereito de declarar deserto o premio no caso de que ningún cartel acade os requisitos demandados.
• O veredicto do xurado darase a coñecer nos 15 días seguintes á finalización do prazo de entrega a través da páxina web do Concello de Vedra, no boletín informativo do Concello, redes sociais (Facebook) e neste blog.
• O veredicto do xurado será inapelable.

6 - TRABALLOS PREMIADOS

• O cartel que resulte elixido para anunciar a XV edición de Teatrofilia cederá todos os dereitos sobre o seu uso, adaptación e explotación á Asociación Cultural Papaventos, que o empregará en formato dixital e impreso para difundir dita edición de Teatrofilia.
• Tanto o premio do cartel gañador como o accésit infantil serán entregados aos seus autores/as o día da inauguración de Teatrofilia.

7 - TRABALLOS NON PREMIADOS

• Todos os traballos serán expostos durante a mostra. Aqueles autores/as que desexen recoller a obra dispoñen dun prazo de 15 días depois do remate da XV edición de Teatrofilia.

8 - PUBLICIDADE

• Os sucesivos anuncios e novas sobre este concurso de carteis serán publicados neste blog e na páxina web do Concello de Vedra.

9 - NORMA FINAL

• Os concursantes, pola súa mera presentación, aceptan integramente as bases deste concurso.

15 mar. 2017

Programación de Teatrofilia 2017

Xa podedes consultar as datas e horarios de todas as funcións e actividades da XIV Mostra de Teatro Amador de Vedra - Teatrofilia 2017, que se vai desenvolver durante catro fins de semana, do 17 de marzo ao 8 de abril. Vémonos no teatro!






VENRES 17 DE MARZO

21:15 h "Frío"
Farrapo Teatro (Santiago de Compostela) +7

SÁBADO 18 DE MARZO

21:15 h "O de menos é o nome"
Agrupación Teatral Mariñán (Betanzos) TP

DOMINGO 19 DE MARZO

16:30 h "Benvido, Sr. Ilustrado!" - Visita teatralizada aos xardíns do Pazo de Ortigueira*
Andaravía Teatro (Vedra)* TP

19:15 h "Noiteboa"
Redrum Teatro (Vedra) +12

VENRES 24 DE MARZO

21:15 h "Pánico!"
Farandoleiras Cabaré (Oleiros) +14

SÁBADO 25 DE MARZO

21:15 h Radioteatro
"Unha historia case real"
Grupo de teatro de maiores do Centro Social de Vedra
"A vaquiña"
Andaravía Teatro (Vedra) TP

DOMINGO 26 DE MARZO

19:15 h "Des-enlace" 
TikTak Teatro (Santiago de Compostela) TP

VENRES 31 DE MARZO

21:15 h "Fuga" 
Gargallada Teatro (O Barco de Valdeorras) +7

SÁBADO 1 DE ABRIL

17:00 h Tarde infantil
"A volta ao mundo en 80 días"
Escola de San Miguel de Sarandón (Vedra)
"O xigante Gandulfo"
Grupo de Teatro da A.C. Cotomanguelo (Orazo)

21:15 h "Dramaturxia das mulheres" 
Inherente Teatro (Vigo) +12

DOMINGO 2 DE ABRIL

19:15 h "Misterios" 
O Aturuxo de Melpómene (Narón) Infantil

VENRES 7 DE ABRIL

21:15 h "Cabaret Salomé"
GN Teatro (Santiago de Compostela) TP

SÁBADO 8 DE ABRIL

21:15 h "O mordomo, of course"
Debullando Teatro (Negreira) +7



Prezo entrada: 3 euros
Prezo bono: 7 euros

*Prezo visita teatralizada: 5 euros. Prazas limitadas. Imprescindible inscrición previa: ac_papaventos@yahoo.e
s


26 ene. 2017

Gañador do Concurso de Carteis Teatrofilia 2017

Bo día, teatreiros/as!!

Pasiño a pasiño imos facendo camiño e xa temos gañador do concurso de carteis para anunciar Teatroflia 2017!! O domingo 22 de xaneiro os membros da A. C. Papaventos reunímonos en Vedra para valorar todos os traballos recibidos ao abeiro deste certame que organizamos dende hai xa doce anos para atopar a que será a imaxe da Mostra de Teatro Amador de Vedra. Nesta ocasión recibimos 18 propostas e foi a obra presentada por Rubén Lucas García (Murcia) a que resultou gañadora desta edición. Parabéns!




Por outra parte, o cartel gañador do accésit infantil é obra de Lola Valle Ledesma (7 anos), alumna da Escola de Sarandón (CRA Boqueixón-Vedra). Noraboa artista!




Moitísimas gracias a todas e a todos por participar! Nós seguiremos traballando nas semanas vindeiras para pechar o antes posible a programación de Teafrofilia 2017, que como xa vos contamos, se vai celebrar entre os meses de marzo e abril. Este ano temos moitas novidades e xa estamos desexando compartilas con vós. Estade ben atentos! Apertas!