31 de out. de 2019

Concurso de carteis Teatrofilia 2020



A Asociación Cultural Papaventos convoca o XV Concurso de Carteis para seleccionar a imaxe da XVII Mostra de Teatro Amador de Vedra - Teatrofilia, que se vai celebrar entre os meses de marzo e abril de 2020.

O concurso está aberto a artistas, deseñadores/as e creadores/as, en xeral, que queiran presentar as súas propostas. O prazo para facelo estará aberto ata o 9 de xaneiro de 2020.

Podedes consultar as bases do concurso a continuación:

1 - PARTICIPANTES

• Poderán presentarse ao concurso todas aquelas persoas que o desexen, agás os membros da Asociación Cultural Papaventos e familiares directos.
• Cada participante poderá presentar un máximo de dúas obras.

2 - TEMA e CARACTERÍSTICAS TÉCNICAS

• Os carteis teñen que versar preferentemente sobre algo relacionado co teatro. Non obstante, os participantes gozan de completa liberdade para escoller o tema.
• Os/as creadores/as dos carteis que se presenten ao concurso serán responsables da orixe da obra e, se esta estivera inspirada nun traballo alleo, deberán dispoñer da autorización do seu autor/a.
• O tamaño dos carteis debe ser formato A3 (297x420mm).
• Poderán realizarse con calquera técnica (pictórica, fotográfica, informática, etc.).
• No cartel figurará rotulado:
Teatrofilia
XVII Mostra de Teatro Amador de Vedra

• É obrigatorio empregar a tipografía “Alba” para a palabra Teatrofilia. Esta pódese descargar no seguinte enderezo web: http://www.fontreactor.com/
• Deberase ter en conta que nalgún lugar do cartel irá a programación da mostra así coma os logotipos das entidades que fan posible Teatrofilia.
• O xurado deste concurso valorará a orixinalidade dos carteis, así como a súa eficacia comunicativa e o impacto e a calidade do deseño.

3 - PRESENTACIÓN

• A data límite para a presentación de carteis é o 9 de xaneiro de 2020
• En ningún caso o cartel deberá ir identificado co nome do autor/a nin con pseudónimo.
• Os participantes deberán presentar unha copia do seu traballo en tamaño folio. Dita copia e a identificación (nome e apelidos, número de teléfono e correo electrónico, data de nacemento no caso de ser participante do accésit infantil) do autor/a ten que presentarse nun sobre pechado. Sería desexable, aínda que non imprescindible, unha copia do traballo en soporte informático.
• Os sobres pechados xunto cos carteis poderanse presentar ata o 9 de xaneiro (inclusive) na Casa do Concello de Vedra ou a través de correo postal:
Asociación Cultural Papaventos
Rúa da Boca, nº 9 CP 15885, Vedra (A Coruña)

• Tanto nos sobres enviados por correo postal como nos presentados na Casa do Concello de Vedra deberá figurar na parte exterior o asunto: XV Concurso de Carteis Teatrofilia 2020.

4 - PREMIOS

• O autor/a do cartel gañador será premiado con 250 euros.
• Cada participante deste concurso será obsequiado cun bono para a vindeira edición de Teatrofilia que poderán recoller na súa billeteira.
• Do mesmo xeito, concederase un premio accésit ao mellor cartel infantil (3-12 anos).

5 - XURADO

• O xurado estará formado polos membros da Asociación Cultural Papaventos.
• A Asociación Cultural Papaventos resérvase o dereito de declarar deserto o premio no caso de que ningún cartel acade os requisitos demandados.
• O veredicto do xurado darase a coñecer nos 15 días seguintes á finalización do prazo de entrega a través da páxina web do Concello de Vedra, no boletín informativo do Concello, redes sociais (Facebook) e neste blog.
• O veredicto do xurado será inapelable.

6 - TRABALLOS PREMIADOS

• O cartel que resulte elixido para anunciar a XVII edición de Teatrofilia cederá todos os dereitos sobre o seu uso, adaptación e explotación á Asociación Cultural Papaventos, que o empregará en formato dixital e impreso para difundir dita edición de Teatrofilia.
• Tanto o premio do cartel gañador como o accésit infantil serán entregados aos seus autores/as o día da inauguración de Teatrofilia.

7 - TRABALLOS NON PREMIADOS

• Todos os traballos serán expostos durante a mostra. Aqueles autores/as que desexen recoller a obra dispoñen dun prazo de 15 días depois do remate da XVII edición de Teatrofilia.

8 - PUBLICIDADE

• Os sucesivos anuncios e novas sobre este concurso de carteis serán publicados neste blog e na páxina web do Concello de Vedra.

9 - NORMA FINAL

• Os concursantes, pola súa mera presentación, aceptan integramente as bases deste concurso.

22 de xan. de 2019

Gañadoras do Concurso de Carteis Teatrofilia 2019


Ola! 

Estamos de volta no blog para anunciarvos que xa temos cartaz para a próxima edición de Teatrofilia! Os membros da Asociación Cultural Papaventos reuníronse o venres para valorar todas as propostas recibidas ao abeiro do XIV Concurso de carteis para anunciar Teatrofilia 2019 e decidiron premiar este deseño presentado por Olaya Naveira Souto, de Ordes. O próximo día 22 de marzo farémoslle entrega do premio de 250€ durante a inauguración da que será a XVI Mostra de Teatro Amador de Vedra. 

Cartel Teatrofilia 2019

O accésit ao mellor cartel infantil foi outorgado ex aequo a Dafne Teresa Vilar Nodar e a Antía Valle Ledesma, ambas as dúas de 7 anos e alumnas da escola de San Miguel de Sarandón (CRA Boqueixón-Vedra). Parabéns!!

Dafne Teresa Vilar Nodar

Antía Valle Ledesma


Ademais, aproveitamos para lembrar que todas as persoas participantes no concurso serán agasalladas cun bono para asistir a todas as funcións de Teatrofilia 2019 que poderán recoller na billeteria calquera dos días da Mostra.

Nós seguiremos traballando arreo para ter lista canto antes a programación desta nova edición que se celebrará, tomade nota, do 22 de marzo ao 13 de abril.

Vémonos no teatro!