27 abr. 2006

Luba TV

"LUBA TV pretende ser unha plataforma visual para que a mocidade poida presentar e difundir o seu traballo nos terreos da arte, o deporte, a música, a dramática, a danza e outras disciplinas.
O programa parte como elemento central da liga universitaria de baloncesto, que se celebrará no pavillón de deportes do campus vigués, desde onde o presentador Raúl Piñeiro guiará o programa para enlazar logo coas distintas actividades artísticas que se amosen. Esta novidosa Liga, na que os equipos son mixtos, conta coa colaboración dos tres campus galegos e do portugués de Porto, iniciando así a primeira liga televisiva universitaria galego-portuguesa.
O baloncesto serve a LUBA TV como reclamo para conectar coa mocidade galega, a través dun deporte dinámico que ten unha imaxe positiva. Como premio, o programa entregará ao equipo gañador unha viaxe a EE.UU. para asistir a un partido da NBA.
Mergullando nas materias artísticas que toca o programa, a música apostará polos valores da cultura autóctona, polos grupos galegos e portugueses; o baile atenderá a distintas formacións de danza moderna; os duólogos presentaranse como unha especialidade cómica para a crítica e o humor, cuxos intérpretes se seleccionarán dos tres campus galegos, e tamén haberá reportaxes sobre o deporte base. O novidoso espazo tamén dará oportunidade a un equipo de xente allea ao programa para que filme a súa visión do que sucede nunha gravación de LUBA TV, que exercerá como director convidado."


"(...) na sección duólogos, dous estudantes de Xornalismo, María e Eliana, e un de informática, Alfonso, terán a oportunidade de amosar o seu talento;"

Iso foi a semana pasada: tres papaventos marchamos para Vigo a amosar talento! E bueno, pois fixemos o que puidemos. Esta semana recomendamos que non volo perdades, porque de novo, ás 16,25, este sábado, 3 papaventos volverán demostrar toda a súa valía. María M. (para diferenciala da G.) e Alfonso repetirán, e Hixi, despois de triunfar no seu papel dramático de Rías Baixas, demostrará que está preparado para protagonizar Al salir de clase, en sendos duólogos ;P. Nada, que a ver se é unha boa plataforma, pero polo visto unha de nós xa tivo múltiples chamadas de produtoras, jajaja.





A parte diso, comentar que o vindeiro día 6 actuaremos en Zas, en Baio. E o 19 de maio será en Muros. Xa concretarei horas, pero é que como teño a cabeciña a compoñer...

No relativo ás enquisas, agradecer profundamente ás 101 persoas que voluntariosamente, en especial ás 72 que non levastes o boli para casa ;), cubristes o papeliño e nos demostrastes un profundo afecto. Para nós é moi importante saber que contamos co voso apoio para o ano que ven, e que o noso traballo, porque hai moito traballo detrás, está dando os seus froitos. Graciñas, de verdade. Case todos os comentarios, salvo algún que pasa neng, mostraban o voso cariño e o voso apoio. Grazas, en serio. Se non estivesedes aí non sería posible. Así demostramos que o teatro en Vedra funciona, vaia se funciona.

Nós, despois dunhas pequenas vacacións, xa nos poñeremos mans á obra porque queremos que cada ano Teatrofilia sexa mellor. Graciñas, de corazón. E nada, a ver os talentos de Papaventos este sábado!!!

12 abr. 2006

Teatrofilia III

Hai tres anos Teatrofilia era un soño. Un soño que se fixo alcanzable gracias á persoa que nos descubriu a paixón polas táboas. “Tres fins de semana de teatro afeccionado en Vedra, encargándonos nós de todo”. ¡Uf! Ambicioso... si... pero, ¿por que non intentalo? E fixémolo posible. O que era cousa de tolos para algúns, porque non lle vían futuro (“o teatro en Vedra non funciona”, “non vai arriba”, etc.) cumpriu estes días tres primaveras.
Traballiño nos custou e nos costa todo o ano, que os grupos que veñen actuar non se pagan sós, non. Páganse con cartos da Asociación (que non ten ánimo de lucro) ou con intercambio de actuacións. E non só iso, senón que tamén corre á conta de Papaventos, coa axuda de Ullán (outra asociación cultural vedresa), o labor de armar a caixa negra, o son, a iluminación, etc. Por non falar da busca e captura de grupos de teatro que poidan actuar nas datas que escollemos para a mostra, e atendelos e... ¡Que vos imos contar...!
¿Podería ofrecer algo semellante o Concello? As palabras do Concelleiro de Cultura son rotundas: NON. Aínda así, en canto á axuda pola súa parte, canto menos poidan abrir a man, mellor. É máis cómodo lavalas. Sentímolo, pero é así... Non lles basta con ver a numerosa asistencia cada día a Teatrofilia, o traballo que nos supón e o contenta que está a xente coa mostra. E non é que o digamos nós. Son palabras dos veciños que veñen ó teatro, opinións que se recollen en enquisas (próximamente publicaremos os resultados).
Pero eses pequenos detalles, non son nada comparados coa ledicia que sentimos ó vivir Teatrofilia dende dentro e tamén como espectadores. Os bos momentos que nos dan esas catro fins de semana (tres sabían a pouco), non nolos quita nada nin ninguén. Xa non só é porque o tema vaia de teatro, senón polo tempo que pasamos xuntos. E tamén por ver que os sorrisos da xente recompensan o esforzo e porque os feitos evidencian que as palabras de quen noutrora nos acusou de ilusos xa non teñen sentido.
Moitos piden Teatrofilia todo o ano. Sería demasiado... pero nós tamén a botaremos de menos.