12 de abr. de 2006

Teatrofilia III

Hai tres anos Teatrofilia era un soño. Un soño que se fixo alcanzable gracias á persoa que nos descubriu a paixón polas táboas. “Tres fins de semana de teatro afeccionado en Vedra, encargándonos nós de todo”. ¡Uf! Ambicioso... si... pero, ¿por que non intentalo? E fixémolo posible. O que era cousa de tolos para algúns, porque non lle vían futuro (“o teatro en Vedra non funciona”, “non vai arriba”, etc.) cumpriu estes días tres primaveras.
Traballiño nos custou e nos costa todo o ano, que os grupos que veñen actuar non se pagan sós, non. Páganse con cartos da Asociación (que non ten ánimo de lucro) ou con intercambio de actuacións. E non só iso, senón que tamén corre á conta de Papaventos, coa axuda de Ullán (outra asociación cultural vedresa), o labor de armar a caixa negra, o son, a iluminación, etc. Por non falar da busca e captura de grupos de teatro que poidan actuar nas datas que escollemos para a mostra, e atendelos e... ¡Que vos imos contar...!
¿Podería ofrecer algo semellante o Concello? As palabras do Concelleiro de Cultura son rotundas: NON. Aínda así, en canto á axuda pola súa parte, canto menos poidan abrir a man, mellor. É máis cómodo lavalas. Sentímolo, pero é así... Non lles basta con ver a numerosa asistencia cada día a Teatrofilia, o traballo que nos supón e o contenta que está a xente coa mostra. E non é que o digamos nós. Son palabras dos veciños que veñen ó teatro, opinións que se recollen en enquisas (próximamente publicaremos os resultados).
Pero eses pequenos detalles, non son nada comparados coa ledicia que sentimos ó vivir Teatrofilia dende dentro e tamén como espectadores. Os bos momentos que nos dan esas catro fins de semana (tres sabían a pouco), non nolos quita nada nin ninguén. Xa non só é porque o tema vaia de teatro, senón polo tempo que pasamos xuntos. E tamén por ver que os sorrisos da xente recompensan o esforzo e porque os feitos evidencian que as palabras de quen noutrora nos acusou de ilusos xa non teñen sentido.
Moitos piden Teatrofilia todo o ano. Sería demasiado... pero nós tamén a botaremos de menos.

Ningún comentario: