28 de nov. de 2023

Aberto o prazo para o XVII Concurso de carteis de Teatrofilia 2024, ata o 22/12/2023.


A Asociación Cultural Papaventos convoca unha nova edición do concurso de carteis para anunciar a
XIX Mostra de Teatro Amador de Vedra Teatrofilia

 que se celebrará no mes de marzo de 2024. 


BASES DO CONCURSO 


1. PARTICIPANTES

• Poderán presentarse ao concurso todas aquelas persoas que o desexen, agás os membros da Asociación Cultural Papaventos e familiares directos.

• Cada participante poderá presentar un máximo de dúas obras.

2. TEMA e CARACTERÍSTICAS TÉCNICAS

• Os carteis teñen que versar preferentemente sobre algo relacionado co teatro.

Non obstante, os participantes gozan de completa liberdade para escoller o tema.

• Os/as creadores/as dos carteis que se presenten ao concurso serán responsables da orixe da obra e, se esta estivera inspirada nun traballo alleo, deberán dispoñer da autorización do seu autor/a.

• O tamaño dos carteis debe ser formato A3 (297x420mm).

• Poderán realizarse con calquera técnica (pictórica, fotográfica, informática, etc.).

• No cartel figurará rotulado: Teatrofilia XIX Mostra de Teatro Amador de Vedra

• É obrigatorio empregar a tipografía “Alba” para a palabra Teatrofilia. Esta pódese descargar no  seguinte enderezo web: http://www.fontreactor.com/

• Deberase ter en conta que nalgún lugar do cartel irá a programación da mostra así coma os logotipos das entidades que fan posible Teatrofilia.

• O xurado deste concurso valorará a orixinalidade dos carteis, así como a súa eficacia comunicativa e o impacto e a calidade do deseño.

3. PRESENTACIÓN

• A data límite para a presentación de carteis é o 22 de decembro de 2023.

• En ningún caso o cartel deberá ir identificado co nome do autor/a nin con pseudónimo.

• Os/as participantes presentarán a obra xunto cun sobre pechado no que conste a súa identificación (nome, apelidos, número de teléfono, correo electrónico e no caso de querer optar ao accésit infantil tamén a data de nacemento).

• Os sobres pechados xunto cos carteis poderanse presentar ata o 22 de decembro de 2023 (inclusive) na Casa do Concello de Vedra ou a través de correo postal:

Asociación Cultural Papaventos

Rúa da Boca, nº 9 CP 15885, Vedra (A Coruña)

• Tanto nos sobres enviados por correo postal como nos presentados na Casa do Concello de Vedra deberá figurar na parte exterior o asunto: 

"XVII Concurso de Carteis Teatrofilia 2024"

4. PREMIOS

• O autor/a do cartel gañador será premiado con 300 euros.

• Cada participante deste concurso será obsequiado cun bono para a vindeira edición de Teatrofilia que poderán recoller na súa billeteira.

• Do mesmo xeito, concederase un premio accésit ao mellor cartel infantil (3-12 anos).

5. XURADO

• O xurado estará formado polos membros da Asociación Cultural Papaventos.

• A Asociación Cultural Papaventos resérvase o dereito de declarar deserto o premio no caso de que ningún cartel acade os requisitos demandados.

• O veredicto do xurado darase a coñecer nos 15 días seguintes á finalización do prazo de entrega a través da páxina web do Concello de Vedra, no boletín informativo do Concello, redes sociais (Facebook) e no blog de Papaventos (www.asociacionpapaventos.blogspot.com).

• O veredicto do xurado será inapelable.

6. TRABALLOS PREMIADOS

• O cartel que resulte elixido para anunciar a XIX edición de Teatrofilia cederá todos os dereitos sobre o seu uso, adaptación e explotación á Asociación Cultural Papaventos, que  empregará en formato dixital e impreso para difundir dita edición de Teatrofilia.

• Tanto o premio do cartel gañador como o accésit infantil serán entregados aos seus autores/as o día da inauguración de Teatrofilia.

7. TRABALLOS NON PREMIADOS

• Todos os traballos serán expostos durante a mostra. Aqueles autores/as que desexen recoller a obra dispoñen dun prazo de 15 días despois do remate da XIX edición de Teatrofilia.

8. PUBLICIDADE

• Os sucesivos anuncios e novas sobre este concurso de carteis serán publicados en www.asociacionpapaventos.blogspot.com e na páxina web do Concello de Vedra.

9 - NORMA FINAL

• Os concursantes, pola súa mera presentación, aceptan integramente as bases deste concurso.

Datos de contacto:

Asociación Cultural Papaventos - Andaravía Teatro

Rúa da Boca, nº 9 CP 15885, Vedra A Coruña

ac_papaventos@yahoo.es

www.asociacionpapaventos.blogspot.com

Tlfs.: 626937587 / 686181861

29 de xan. de 2023

 E con moita emoción, temos a honra de presentarvos o novo deseño para a XIX Mostra de Teatro Amador de Vedra, TEATROFILIA 2023!

As persoas que formamos parte da Asociación Cultural Papaventos reunímonos para valorar todas as propostas que recibimos ao abeiro do concurso que, como cada ano, lanzamos para atopar a que será a imaxe da próxima edición da Mostra de Teatro Amador de Vedra.

Gañou o deseño presentado por María Isabel Currais Sendón, da Coruña. Parabéns!

E o áccesit infantil gañouno Xiomara Neira Macías, de San Miguel de Sarandón, Vedra. Parabéns!



Nas próximas semanas daremos a coñecer a programación da Mostra, que terá lugar entre o 10 de marzo e o 1 de abril do 2023 no Centro Social de Vedra.