A Asociación Cultural Papaventos convoca o XV Concurso de Carteis para seleccionar a imaxe da XVII Mostra de Teatro Amador de Vedra - Teatrofilia, que se vai celebrar entre os meses de marzo e abril de 2020.
O concurso está aberto a artistas, deseñadores/as e creadores/as, en xeral, que queiran presentar as súas propostas. O prazo para facelo estará aberto ata o 9 de xaneiro de 2020.
Podedes consultar as bases do concurso a continuación:
1 - PARTICIPANTES
• Poderán presentarse ao concurso todas aquelas persoas que o desexen, agás os membros da Asociación Cultural Papaventos e familiares directos.
• Cada participante poderá presentar un máximo de dúas obras.
2 - TEMA e CARACTERÍSTICAS TÉCNICAS
• Os carteis teñen que versar preferentemente sobre algo relacionado co teatro. Non obstante, os participantes gozan de completa liberdade para escoller o tema.
• Os/as creadores/as dos carteis que se presenten ao concurso serán responsables da orixe da obra e, se esta estivera inspirada nun traballo alleo, deberán dispoñer da autorización do seu autor/a.
• O tamaño dos carteis debe ser formato A3 (297x420mm).
• Poderán realizarse con calquera técnica (pictórica, fotográfica, informática, etc.).
• No cartel figurará rotulado:
Teatrofilia
XVII Mostra de Teatro Amador de Vedra
• É obrigatorio empregar a tipografía “Alba” para a palabra Teatrofilia. Esta pódese descargar no seguinte enderezo web: http://www.fontreactor.com/
• Deberase ter en conta que nalgún lugar do cartel irá a programación da mostra así coma os logotipos das entidades que fan posible Teatrofilia.
• O xurado deste concurso valorará a orixinalidade dos carteis, así como a súa eficacia comunicativa e o impacto e a calidade do deseño.